Saturday 18 de May de 2024

O torneo Congalsa 3×3 Basket Pobra medra na súa segunda edición


O baloncesto imperará no 19 de agosto co torneo Congalsa 3×3 Basket Pobra que se xogará nas pistas deportivas do Castelo durante toda a xornada. Trátase da segunda edición dun evento deportivo que arrancou no pasado ano coa aspiración de se converter en referente comarcal e que se realiza nesas datas aproveitando a afluencia de xente na localidade.

No acto de presentación efectuado no 1 de agosto interviñeron o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido; Irene Souto, en representación de Congalsa ; e o presidente do Basket Pobra Asambal, Francisco Martís.

O edil comunicou o desexo de que esta cita se consolide no calendario e contribúa ao crecemento desta disciplina deportiva.

A aceptación acadada na anterior convocatoria fixo que se incrementasen as categorías participantes, que serán a Mini Basket, a Infantil + Cadete e a Júnior + Sénior. Arrancará ás 09.00 horas coas persoas participantes de menor idade, para xa pola tarde lle dar paso á modalidade superior.

Os premios consistirán en trofeos para a primeira das mencionadas categorías, material deportivo no caso da segunda e no repartimento de 450 euros na modalidade maior, importe que tamén se incrementa con relación a 2022: 250 euros para o primeiro equipo clasificado, 150 euros para o segundo e 50 para o terceiro.

A data límite para se anotar estipúlase no día 17 a través do enderezo electrónico cbbasketpobra@gmail.com, do teléfono de contacto 661183232 ou do código QR dispoñible nos carteis en circulación. Será preciso aboa-las cotas de inscrición pertinentes (de balde para os participantes na Mini Basket, 10 euros para a Infantil + Cadete e 25 euros para a Júnior + Sénior).